Olivia Fariña Torres

A familia Fariña Torres estaba fondamente implicada cos avances da II República. Sobre todo o irmán de Olivia, Ricardo o Louro, un dos propulsores do pósito da Moureira que participara na defensa do Goberno Civil tras o golpe militar. Cando triunfa, o Louro utiliza como agocho a cheminea da irmá maior, Faustina, e no seu acubillo permanece tres anos, ata rematada a guerra en España. Nese tempo é a súa muller, Rosa, a que ten que sacar adiante as catro criaturas que parira e as dúas que chegaran do hospicio a aquela casa humilde de mariñeiro e costureira.

Na casa de Olivia a represión bateu contra o home, Maximino Domínguez. A memoria familiar gardou que non estaba significado politicamente, que castigaron nel a implicación da familia da muller. Pero no consello de guerra pediron a pena de morte e aínda que non o mataron, estivo preso durante anos, tres no durísimo cárcere de San Cristóbal (Ezkaba), sito en Navarra, e participou nunha fuga masiva de presos que tivo lugar o 22 de maio de 1938 da que, a diferenza doutros moitos, sobreviviu. No momento do golpe tiñan unha filla, Ramona, de once anos, e dous fillos máis pequenos, Salvador e Jaime. Olivia tivo que traballar a reo, fundamentalmente vendendo na praza e cosendo para a fábrica de Regojo, para sacar adiante a familia.

Outra irmá de Olivia, Dolores Fariña, viu como a represión batía contra os seus fillos de ideoloxía esquerdista, Pepe e Modesto, alcumados os Ferreiros, e ameazaba coa rapa as súas fillas Florinda e Lola. Ambos rapaces foron detidos e enviados ao Lazareto. De aí partiu Modesto para loitar na fronte contra as ideas que mamara no fogar da familia Fariña.

Autora: Montse Fajardo

O PDF que se pode descargar a seguir achega información sobre Olivia Fariña.

Biografías Relacionadas