Josefa Vázquez Juncal

Quedou na memoria do pobo que foi a responsable do bordado da bandeira que Castelao deseñara para a Sociedade de Agricultores de Salcedo, presentada o 24 de abril de 1932. Quedou tamén a imaxe do fillo maior de once, Mirucho Dios, e das súas fillas Tucha e Fina baixando en manifestación cos obreiros e as obreiras desde a fábrica familiar do Ferreiro do Pino.

No momento do golpe, Mirucho era o secretario de axitación e propaganda do Socorro Rojo e vicepresidente do Partido Socialista. Por iso se agochou pero foi detido, torturado e asasinado na madrugada do 3 de setembro. Os seus asasinos tiraron o corpo nunha foxa do cemiterio de Bora e foron deter o seu pai, Antonio Dios, e a Tucha e Fina, que daquela tiñan 23 e 21 anos e foran depuradas como mestras. Cando os fascistas chegaron por elas, a señora Pepa meteunas no cuarto e cortoulles a trenza coas súas tesoiras de costureira para que polo menos non lle quedaran os fascistas co pelo. De igual xeito foron rapadas no cuartel antes de ser levadas ao cárcere onde ficaron un mes. Para liberalas, o seu tío Edelmiro Vázquez, irmán da señora Pepa e responsable da fábrica, pagou cuantiosas sumas de diñeiro.

Igual que para liberar a Antonio Dios. O día que mataron o seu fillo, Antonio deitouse co pelo negro e á mañá levantouse con el completamente branco. Estivo cinco meses no cárcere porque se negaba a que lle pagaran nin un peso máis aos asasinos do seu neno. Ata que enfermou gravemente e tiveron que sacalo.

Desde aquel 3 de setembro e ata que morreu, a señora Pepa vestiu sempre de negro.

Autora: Montse Fajardo

Biografías Relacionadas