Hermosinda Lamoso Arosa

Hermosinda estaba embarazada por cuarta vez cando os fascistas levaron o seu home, o veciño de Salcedo Abelardo Sobral Acuña, para o vello local da Sociedade de Agricultores e Obreiros de Vilaboa, da que formara parte. Un local que a intolerancia convertera en cuartel de arrestos e torturas e do que Abelardo saíu completamente desfigurado, tanto que lle berrou ao veciño que pasaba: “Son Lamoso, de Postemirón”, en referencia á casa do sogro, Enrique Lamoso, con moita sona na aldea por axudar sempre a quen o precisaba.

Foi a única pista que tiveron sobre o seu tráxico final. Nunca o volveron ver, nin vivo nin morto. Din que foi lanzado ao mar. Era o 17 de outubro de 1936. Luisa Sobral Lamoso naceu antes de tempo, o 1 de xaneiro de 1937, e con pouca saúde, debido ao desgusto da nai. Mais Hermosinda sacouna adiante e tanto ela como a súa irmá Carme, que quedou orfa con tres anos, foron estudar á escola do Toural, no mesmo local no que asasinaran o seu pai, no mesmo no que Abelardo, e Eligio Rey, e Manolo da Socorra defenderan a xustiza social a través da Sociedade de Agricultores.

E un 17 de outubro, cando xa eran mociñas, explicoulles a razón pola que creceran sen pai.

Autora: Montse Fajardo

O PDF que se pode descargar a seguir achega información sobre Hermosinda Lamoso.

Biografías Relacionadas