Carmen Julián López

Carmen Julián López era a muller de Víctor Casas, secretario do Partido Galeguista que, baixo as ordes de Alexandre Bóveda, participou na defensa da legalidade republicana desde o Goberno Civil de Pontevedra. Foi fusilado o 12 de novembro xunto con outras nove persoas que, dun xeito ou outro, tamén fixeran fronte ao golpe: Telmo Bernárdez, Amancio Caamaño, Luís Poza, Benigno Rey, Paulo Novás, Germán Adrio, Ramiro Paz, José Adrio e Juan Rico.

Aínda que parira cinco fillos, cando quedou viúva só sobrevivían unha nena, Victoria, que estaba a piques de cumprir cinco anos, e un neno, Víctor, que só tiña nove meses.

Asustada polo trato que os fascistas estaban dispensando a Josefina Arruti, a muller do alcalde Bibiano Fernández Osorio-Tafall, que estivo presa durante dezaoito meses, Carmen Julián marchou para Madrid tras quedar viúva e para sacar adiante a familia empregouse como caixeira na sucursal que tiña na capital a peixaría “Coruñesa”. Era a primeira vez que Carmiña, como lle chamaba cariñosamente o seu home, traballaba fóra do fogar. Nunca volveu casar.

Autora: Montse Fajardo

[Máis información na publicación ‘As familias do 12 de novembro‘]

Biografía de Carmen Julián López

Descargar

Biografías Relacionadas