Lérez, 1909-2012
  • Biografia
  • Audios
  • Videos

Casou con Albino Sánchez, o Perrita, no cárcere, minutos antes de que o levasen ao paredón da avenida de Bos Aires. Era o 17 de abril de 1937. Foi co fillo maior, Francisco, que tiña sete anos, e logo camiñaron ata a Ponte do Burgo para ver pasar o camión que levaba o seu pai á morte. Nos últimos momentos, Albino déralle ao fillo sete pesetas para que mercase unha bicicleta e puidera visitalo no cemiterio. A Carmen deixoulle de legado unha carta na que lle pedía que non o criase no odio, nin a el nin á súa filla Carmen, de tres anos, mais tampouco no esquecemento.

Tras estar fuxido entregárase ao cura de Lérez, Leandro del Río, coa promesa de salvar a vida, pero o 17 de febreiro foi condenado a morte en Consello de Guerra e dous meses despois, fusilado. Enterrárono nunha foxa anónima de San Amaro e aos cinco anos Carmen pagoulle ao sepultureiro para poder levar os seus restos ás agachadas ao panteón familiar de Lérez. Tras enviuvar o mesmo día que casaba, sacou a familia adiante vendendo nas feiras do Deza azucre, café e outros alimentos que traía de estraperlo desde Portugal. Por esta actividade pasaría varios meses en prisión, quedando Francisco e a pequena Carmen ao coidado da veciñanza. A nena tiña dezasete anos cando marchou a Cuba, fuxindo do abafante gris do fascismo español, e xa nunca regresou.

Chegada a democracia -e grazas á xestión desinteresada do avogado Gonzalo Adrio, irmán de José Adrio, un dos dez homes fusilados o 12 de novembro-, Carme Casalderrey cobrou unha pensión de viuvez e coa primeira mensualidade mercou o anel de casada que nunca tivera.

Autora: Montse Fajardo