• Biografia
  • Audios
  • Videos

Blanca Rodríguez Sáez era a muller de Juan Rico González, capitán da Garda de Asalto fusilado o 12 de novembro de 1936, aos 42 anos, por participar na defensa do Goberno Civil tras o golpe de Estado de xullo do 36 e a pesar de que, unha vez tomado o mando polos golpistas, obedeceu a orde de participar no asalto ao Concello.

A súa filla, Blanca Rico, quedou orfa con quince anos. Juan tiña 14 e Alfonso cumpriu cinco ao día seguinte de fusilarlle o pai. Mentres estivo detido, o infausto capitán Velarde prohibiu en varias ocasións as visitas da súa esposa. Ademais, os gardas ás súas ordes rapáronlle o pelo á muller que traballaba na casa, nunha das veces que foi levarlle comida ao capitán.

Fusilárono tras quitarlle as condecoracións, momentos antes de colocar no paredón os outros nove condenados. Tras quedar viúva, Blanca marchou a Portugal, onde era máis fácil recibir os cartos que as súas irmás lle mandaban desde México, pero logo volveu a Compostela, onde o seu fillo Juan estudou Medicina.

Máis tarde, tanto el como o seu irmán Alfonso exiliáronse en México, saíndo de España en barco vía Portugal. Co tempo a súa nai foi vivir con eles e alá morreu. Blanca Rico ficou en Galiza, onde casou con Jaime Quintanilla, fillo do alcalde ferrolán do mesmo nome, grande amigo de Juan Rico e que, como el, fora fusilado polos golpistas. Chegada a democracia, tamén o fillo ocupou esa alcaldía.

Autora: Montse Fajardo

[Máis información na publicación ‘As familias do 12 de novembro‘]