Aurora Poza Pastrana

Aurora Poza Pastrana era a viúva de José Adrio Barreiro, fusilado o 12 de novembro xunto ao seu irmán, Luís Poza Pastrana. Esa noite, ela non estaba en Pontevedra. Viaxara a Burgos con outras mulleres de condenados, pedir clemencia. Dixéronlles que os indultarían pero cando chegaron, xa estaban mortos. Aurora estaba embarazada do segundo dos fillos, a quen chamou José Luís. A maior, Aurora como ela, tiña catro anos.

A persecución fascista alcanzou toda a súa familia. O seu pai, Celestino Poza Cobas, e o seu irmán, Celestino Poza Pastrana, foron retidos na illa de San Simón, onde seguiron exercendo como médicos. As mulleres foron sometidas a continuos rexistros e vexacións, que sumaban ao medo ás sacas nocturnas na illa. Aurora contaba que se lle metían na casa e requisaban os obxectos de valor, alegando que o seu pai tiña armas na horta. As armas nunca aparecían pero a prata voaba. Non só baleiraron a casa, tamén o sanatorio familiar, sito en Andrés Muruais e dotado dos mellores adiantos técnicos. Ademais, Aurora sufriu humillacións como a do día que, xa viúva, entrou nos almacéns de Olmedo, onde levaba toda a vida mercando, e tivo que marchar sen ser atendida porque todas as persoas empregadas lle deron as costas.

Tamén sufriu a condena do silencio. Non adoitaba falar do que pasara e nin sequera quixo ir á inauguración da rúa “12 de novembro” nin da que leva o nome do seu home. O día que o mataron, José escribiulle unha carta que tamén mantivo en segredo ata que, xa no leito de morte, leulla ás dúas criaturas que a barbarie deixara orfas.

Autora: Montse Fajardo

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable. Aparece tamén na publicación Homenaxe ás mulleres represaliadas e resistentes de Pontevedra

Biografías Relacionadas