Amalia Álvarez Gallego

Amalia tiña trinta anos e estaba embarazada da quinta filla cando quedou viúva de Alexandre Bóveda, fusilado na Caeira o 17 de agosto de 1936. Nunha das últimas noites que pasaran xuntos, Amalia espertou chorando. Soñara que un soldado o mataba. El quitoulle importancia: “Quen ía querer facerme dano a min?”. Pero era un dos máis destacados dirixentes do Partido Galeguista e o principal responsable da defensa do Goberno Civil tras o golpe de Estado, e o fascismo non tivo clemencia. Converteuse no segundo fusilado da cidade, tras o xefe das milicias Jacobo Zbarsky.

Amalia vestiu de negro pero non tivo tempo de facer o dó. Acabou a carreira de Maxisterio que empezara estando solteira e para gañar uns cartos púxose a dar clases nun local alugado en Méndez Núñez mentres preparaba as oposicións. Finalmente quitou as de Facenda e para que a súa descendencia estudase tivo que separarse dela. Os dous nenos e as tres nenas ingresaron en internados en Madrid, lonxe dunha Pontevedra na que a familia ficou marcada. Unha coñecida chegou a cuspir no velo de loito de Amalia ao berro: “Aí vai a muller dun asasino!”.

Apenas falaba coas criaturas do que pasaba pero un verán de vacacións na súa casa de Andurique, cando a filla póstuma cumprira sete anos, xuntáronse e explicoulles que fora por amar a Galiza que mataran o seu Alexandre.

Autora: Montse Fajardo

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable. Tamén existe un tríptico sobre Amalia Álvarez.

Biografías Relacionadas