• Biografia
  • Audios
  • Videos

Falar en Pontevedra das Corseteiras é falar da solidariedade. As irmás Aurora, María, Nieves e Nicereta Martínez Fernández coincidiron no cárcere con Emma Mourón e co seu fillo Carlos, que era un bebé de meses cando a súa nai foi detida e o seu pai, o alcalde García Filgueira, iniciou un agocho que duraría ata 1949. Moi comprometida na defensa da II República, Emma aínda non lograra a liberdade cando o 25 de outubro de 1937, quince meses despois do seu arresto, as Corseteiras saíron do cárcere, así que lle ofreceron levar o neno e Carlos García Mourón acabou vivindo para sempre con elas.

Non foi o único aceno solidario dunhas mulleres que, segundo os informes da época, xa durante a II República colaboraban co Socorro Rojo e participaban nas manifestacións das esquerdas. Foron acusadas polos golpistas de subministrar armas ás milicias que defenderon o Goberno Civil e iniciaron o seu apoio ás persoas presas levando tabaco, alimentos e roupa á Normal desde que o 20 de xullo foi tomado polos sublevados, ata que seis días despois elas mesmas foron encarceradas.

En marzo de 1938 ábrenlle novas dilixencias por agochar armas, pero quedan sobresidas ao non atopalas. Porén a súa familia asegura que si as esconderon elas e que con elas foi o segredo á tumba.

Autora: Montse Fajardo

Descarga // As Corseteiras