Angelines Jar Taboada

Angelines Jar Taboada chegou a Salcedo logo de que o seu pai saíse do cárcere, ao que o levara a súa militancia en Izquierda Republicana. Antonio Jar Dobarro chegou a ser concelleiro en Lalín por esta formación, mais debido a disensións internas fixeron que abandonase o cargo antes do golpe de Estado. Pode ser que iso lle salvara a vida e o xuízo ao que foi sometido resolveuse coa liberdade e cunha cuantiosa multa que, a forza de recorrer durante anos, acabou por non pagar. Iso non evitou que a súa familia sufrise a persecución dos franquistas, que máis dunha vez golpearon a porta do seu fogar nas celebracións da toma de cidades por parte do exército golpista, ademais de facerlle continuas requisas na súa tenda.

Xa en Pontevedra, Angelines e o resto da descendencia de Jar, que quedara viúvo cando ela apenas tiña dous anos e medio, souberon o que era a fame, pois os produtos que lles correspondían polo arrendamento das fincas de Vilatuxe eran requisados polos gardas camiño de Salcedo. Construíron aquí o seu fogar, fuxindo dun Lalín no que Jar estaba marcado, grazas á axuda de Antonio Dios, da familia do Ferreiro do Pino, ao que coñecera estando preso. E coñeceron a solidariedade doutras familias, como a de Amelia Sobral.

Angelines era moi pequena cando foi do golpe e tamén padeceu a falta de liberdade que para todas as mulleres supuxo o franquismo, pois o seu pai non a deixou seguir estudando a pesar de que era moi boa alumna. Nin sequera quería que aprendese costura pero puido facelo grazas ao apoio da segunda esposa deste, coa que se criou. Elixiu o taller de Rita Sobrido, a viúva de Germán Adrio, mestre fusilado o 12 de novembro, no que se deron cita moitas outras familias represaliadas.

Autora: Montse Fajardo

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable.

Biografías Relacionadas