• Biografía
  • Audios
  • Videos

América Méndez Acuña tiña 26 anos cando os fascistas lle prenderon lume ao alboio de Salcedo onde se agochaba o seu pai, o dirixente da Federación Obreira de Marín, Manuel Méndez Montes. A casa era propiedade da familia da súa muller, Manuela Acuña. Para salvarlle a vida agochárano xunto a Juan Manuel Gómez Corbacho, un dos principais artífices da resistencia ao golpe, e a muller deste, Elvira Lodeiro. A eles dous asasináronos esa mesma noite. Elvira foi condenada a morte e fusilada o 19 de decembro. Deixou dúas orfas, Pilar e Manolita, de curta idade. Tamén fusilaron a irmá de Manuela, Consuelo Acuña, que tiña 60 anos, e o seu irmán Ramón, de 42, por darlles acubillo.

Na madrugada seguinte ao asasinato do pai, América foi ata Salcedo acompañada dun familiar para recoller os restos calcinados do seu pai e levalos na cabeza ata o cemiterio de Lourizán. De noite e ás agachadas porque nin dereito a dó tiñan os rojos. Ao día seguinte, o 14 de decembro, a súa tía Consuelo foi fusilada a carón do seu irmán Ramón. Deixaba orfo a Manuel, un fillo adolescente que tivera de solteira e que lle nacera cunha doenza psíquica. Non podía valerse por si mesmo e foron América e a súa nai, Manuela (que logo de quedar viúva foi vivir con ela), as que se ocuparon de atendelo. O rapaz estaba na casa cando lle foron levar a súa nai e os cívicos pegáronlle unha malleira pensando que finxía a súa discapacidade.

Aquela noite os cívicos tamén lle quitaron á familia Acuña propiedades, gando e alimentos que tiñan na casa de Salcedo. E despois detiveron a Francisco, o irmán que lle quedaba vivo a Manuela, porén a el acabaron por deixalo en liberdade.

Autora: Montse Fajardo

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable.

Biografías Relacionadas
Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email