1915-1942
  • Biografia
  • Audios
  • Videos

O 1 maio de 1936, Estrella Portela López e o seu mozo, Faustino Gama Casalderrey, acudían xuntos á manifestación da clase traballadora. Sete meses despois, na madrugada do 28 de decembro, ela escoitaba os disparos que lle quitaban a vida a el. Pola súa vinculación co Partido Comunista, tanto Faustino como o seu irmán Alejandro, fuxiran tras o golpe. Outro irmán, o ex concelleiro Manuel Gama, fora detido e a súa irmá Custodia levada ao cuartel para intentar obrigala, a base de malleiras, a desvelar o seu paradoiro. Rapárona e sometérona á humillación de varrer as rúas cun cartel nas costas e outro no peito onde se podía ler: “Comunista”.

A pesar diso, Custodia non os delatou e colleron a Estrella. Rapárona e tatuáronlle a pel co mesmo resultado: gardou silencio, mais era o seu avó o que tiña agochado a Tino na finca na que traballaba, propiedade dos Condes de Bugallal. Cando saíu do cuartel, ela foi visitalo e, ao vela rapada e coa fronte mancada, dixo que non ía permitir que lle fixesen máis dano e entregouse, sendo fusilado.

Estrella morreu en 1942, cando só tiña 26 anos. Os médicos dixeron que por unha doenza pulmonar; a súa familia cre que de tanta mágoa.

Autora: Montse Fajardo

Biografías relacionadas