Encarna Silva

Non estaba afiliada a partido político nin sindicato algún pero, como tantas outras mulleres, converteuse en obxectivo dos franquistas pola súa relación co xastre Santiago Bazarra que, segundo o historiador Celso Milleiro, era “un dos organizadores da cédula comunista de Marín”.

Encarna nacera en Boiro pero sendo moi nova marchou a Campolongo traballar no Pazo de Martorell, propiedade do marqués de Leis. De feito, a memoria familiar gardou que foi a intercesión deste ante as novas autoridades a que librou Santiago da morte. Aínda así foi detido, estivo preso na illa de San Simón e foi obrigado a realizar traballos forzados para o réxime. Estivo no batallón que construíu a estrada que unía Caritel coa Lama pasando por Covelo.

Manuel Bazarra Silva, fillo da parella, conserva fotos históricas dunha das visitas que a súa nai, xunto a outras mulleres de presos, lle fixeron ao batallón aproveitando a obra. Nesas imaxes non só se poden ver algúns dos presos que formaban o batallón. Ademais, na cabeza de Encarna aínda se perciben as marcas da rapa, a pesar de que intentou agochalas suxeitando con pinzas, a modo de diadema, a trenza que os fanáticos lle cortaran.

Pola súa relación con Santiago, co que logo casou e tivo un fillo e unha filla, Encarna foi rapada e tamén obrigada a inxerir aceite de rícino, un potente laxante.

Autora: Montse Fajardo

Biografías Relacionadas