1903-2006
  • Biografia
  • Audios
  • Videos

Só José, o maior dos catro irmáns varóns de Custodia Gama, eludiu a represión desatada tras o golpe de Estado de 1936. Manolo foi detido, Alejandro pasou anos agochado e Tino foi fusilado o 28 de decembro de 1936. Era o máis pequeno e entregouse para evitar máis danos na súa contorna. Á súa moza, Estrella Portela, rapárona, extorsionárona economicamente e tatuárona nun intento de que desvelase o seu paradoiro. Non o fixo. Tampouco Custodia. Metérona corenta días no calabozo, onde foi rapada e torturada. Logo obrigárona a varrer as rúas de Pontevedra, unha vez e outra, cun cartel que propagaba: Comunista.

Cando a detiveron, xa estaba preso o seu irmán Manuel. Fora elixido concelleiro de Pontevedra en 1931 pola candidatura obreira-agraria, de influencia comunista, e tamén fora responsable da posta en marcha da Caja Rural. Chegou a ser condenado a morte e, aínda que logrou salvar a vida, estivo preso ata 1943. Alejandro, o seguinte, que ao igual que Tino formara parte das milicias comunistas na defensa da II República tras o golpe, agochouse, con axuda de Custodia, ata 1945. Logo foi detido, torturado e condenado a 30 anos, pasando máis de trece no penal de Burgos. A súa única irmá, Adelina, fuxiu cara ao exilio deixando atrás dous negocios. O afastamento da familia fixo que enfermase no traxecto a Arxentina e, nada máis chegar, tivo que ser ingresada nun sanatorio mental onde pasou varios meses.

Custodia tamén viviu no cárcere que foi a Pontevedra do franquismo, mais sempre mantivo unha postura belixerante coa intolerancia imposta.

Autora: Montse Fajardo

O PDF que se pode descargar a seguir achega información sobre Custodia Gama.