Cádiz, 1915-Lérez, 1991
  • Biografia
  • Audios
  • Videos

Nada en Cádiz, filla de militar, moi pequena quedou orfa e veu vivir a Lérez co seu tío materno, Leandro del Río, crego da parroquia de San Salvador. Conviviu no propio convento co seu tío e dous fillos deste. Máis tarde, traballaría como mestra particular para as crianzas de San Vicente de Cerponzóns.

Chamaba a atención pola súa maneira de vestir, sempre con pantalóns axustados e botas altas militares. Levaba o cabelo moi curto, coma un home, cortado por ela mesma, e unha raia longa pintada nos ollos, ao estilo de Liz Taylor cando fixo de Cleopatra. Tamén sorprendía no seu tempo que andara sempre en bicicleta por Pontevedra, nunha bicicleta que levaba moi coidada e decorada con fitas de cores.

As súas alunas lémbrana como unha mestra moi agarimosa e xenerosa, que non lles cobraba ás crianzas máis pobres. Tamén se di que era unha muller “excéntrica”, que non gostaba dos homes, unha “adiantada ao seu tempo”. Unha muller que non encaixaba nos cánons estéticos e de conduta do Franquismo, e que por iso acabou refuxiándose na soidade.

Pasou os últimos anos rodeada dos seus cans e gatos, a compaña que máis lle prestaba, na casa da súa curmá e do seu home, o xornalista Manuel Blanco Tobío.

Autoría: Comba Campoy | Esta biografía forma parte da Exposición ‘Do Gris Ao Violeta’

Tamén existe unha publicación sobre a Señorita Carmiña