Leonor González Prieto, Nené

Leonor González Prieto, Nené, é unha muller cargada de compromiso, firmeza, decisión, vitalidade e optimismo. Filla de mestres, a infancia de Leonor transcorreu entre aulas, profesión á que ela tamén se dedicaría. Súa nai foi directora da sección feminina do colexio Graduada Álvarez Limeses e seu pai, Joaquín González, tamén foi mestre de profesión, ademais de deportista de elite. A vida de Nené estivo moi ligada á de seu pai, con quen viviu de pequena durante o tempo que por motivos políticos estivo destinado lonxe da familia, na parroquia de Barcia de Mera, Covelo. O fundador da Ximnástica compartía espazos con apelidos como os Rei, os Adrio ou os Pozo, coñecidos en Pontevedra pola súa ideoloxía de esquerdas.

Aconsellada por seus pais, Nené preparouse para exercer como instrutora da Sección Feminina e impartiu a materia de Política ou Cívico Social. Afrontou esta etapa como unha máis da súa vida pero co tempo fóronlle xurdindo moitas preguntas. Era difícil entender como, vendo a traxectoria de seu pai, a induciran a iso, ademais de que sempre tiveran moi boa relación con familias represaliadas durante o franquismo, como a Bóveda ou a Adrio.

Con 23 anos trasládase a Arxentina xunto á súa parella e permanece 13 anos en América do Sur, en Arxentina, Ecuador e Perú, onde exerce como mestra e xefa do departamento de Educación Física dun colexio experimental da UNESCO. Neste período naceron os seus fillos, e por eles decidiu regresar a Galiza. Sería en 1969 cando volve a Pontevedra, onde se instala, e comeza a impartir aulas de Educación Física no colexio Las Calasancias. As inquedanzas de Nené non cesaron e, nun intermedio da súa carreira docente, converteuse na xerente da tenda de roupa Xeito.

En realidade, as inquedanzas de Nené son moitas e en todas elas puxo todo o seu empeño e esforzo. Como mestra, como deportista e no compromiso adquirido coa sociedade. Esta última faceta é tamén a responsable da Nené recoñecida publicamente. Á súa chegada a Pontevedra agardábaa unha desagradable sorpresa, da que nada tiña oído en América. En 1963 Francisco Franco inauguraba en Lourizán a empresa nacional de Celulosas. A partir dese momento iníciase unha batalla que perdura aínda hoxe: botar ENCE fóra da ría. E nesta loita contra ENCE pasou Nené boa parte da súa vida, e aínda está. A súa implicación nace da indignación e da dor de ver convertida a ría da súa infancia nunha “escura cloaca”, como ela a definiu. Desta indignación nace o seu compromiso coa Asociación en Defensa da Ría, da que chegaría a ser presidenta e coa que a une a firmeza dun obxectivo común.

Autoría: MAOS Innovación Social

Esta é unha biografía resumida, a completa pódese encontrar no PDF descargable.

Biografías Relacionadas