Pontevedra, 1890 - 12/04/1919

‘Chichana’ era filla dos Duques de Patiño e unha pioneira no mundo da aviación en Galiza. Intrépida e aventureira, foi a primeira muller coñecida que subiu a bordo dun aeroplano, xunto ao afamado aviador José Piñeiro. Acompañouno en varias demostracións aéreas no seu Bleriot.

O 8 de abril de 1913 Piñeiro despegou na praia de Baltar, en Sanxenxo, onde instalara o seu propio aeródromo. Ía sobrevoar a costa ante unha multitude de persoas que ficaban abraiadas na praia.

O espectáculo foi aínda máis impresionante cando observaron que Chichana, moza que veraneaba na localidade, non dubidou en acompañar o piloto. A partir de aí realizaron varias saídas. O 12 de outubro de 1913, no mesmo lugar, tivo a súa primeira experiencia como aviadora e converteuse así na primeira muller galega que obtivo o título.

Muller culta, posuía uns grandes dotes artísticos e interpretativos, pintaba, cantaba, tocaba o piano e o violín. Así, formou parte de varias compañías de teatro afeccionado e da do Liceo Casino, participando en diferentes festivais e actos benéficos. A tráxica gripe do 18 rematou coa súa vida.

Autoría: Etnoga

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email