Severina Martínez Cerecedo

Natural de Leiro (Ourense), estableceuse en Pontevedra a principios do século XX, a onde chegou acompañando o seu home, o pintor José María Mendiguchía de Amilibia. Mendiguchía, aínda que era de Talavera de la Reina, estaba afincado en Ourense, onde desde 1889 exercía como catedrático de debuxo no instituto, ata que foi trasladado ao de Pontevedra en 1902. Despois do falecemento de José María, Severina montou unha escola de debuxo no número 26 da rúa Peregrina, sendo nomeada en 1904 profesora auxiliar de debuxo da Escola Normal de Mestras. Nesta época destacou por amosar as súas obras ao público, expoñendo en comercios como o de Rafael Izquierdo, da praza de San Román, ou o Bazar Helénico; así como por colaborar en actos benéficos coa doazón de obras, regalando por exemplo dúas pandeiretas pintadas para unha rifa do Asilo Escola-Maternal. Tamén participou na exposición rexional de Santiago de 1909 cun cadro sobre A Caeira e na de Arte Rexional da Coruña de 1912. Cara a 1915 regresou a Ourense, e falece na súa terra natal o 16 de xullo de 1920.

Autoría: Etnoga

Biografía de Severina Martínez Cerecedo

Descargar

Biografías Relacionadas