Concha Caballero López

Concha era filla de Concepción López, natural de Xixón, e Ernesto Caballero Bellido, de Salamanca. En 1879, o pai obtivo a cátedra de Física e Química no Instituto de Xixón, cidade á que se trasladou e onde coñeceu a quen foi a súa nai. Dous anos despois, o matrimonio trasladouse a Pontevedra, pois o seu proxenitor, quen chegou a ser alcalde entre xullo e setembro de 1899, comezara a traballar no Instituto de Ensino Medio. E na pontevedresa rúa Michelena desta cidade foi onde naceu o vinte e nove de setembro de 1885 María de la Concepción Florinda Micaela, máis coñecida como Concha, xunto con Ernesto, Alejandro e María del Carmen.

Desde moza, Concha formou parte de varias compañías de teatro afeccionado e da do Liceo Casino. Ademais, estivo integrada no Coro Aires da Terra de Perfecto Feijoo e na Sociedade Coral Polifónica. Así, participou en diferentes festivais, nos xogos florais e funcións benéficas como a da xunta de protección da infancia ou a da gota de leite, compartindo escenario con Castelao, entre outros moitos; ou na organizada en 1912 por Cruz Vermella a beneficio das persoas feridas en Melilla e na que interpretaron o cadro plástico da paz no Xapón composto polo pintor Sobrino. Tamén era asidua aos bailes do casino.

Cara a 1910 comezaron as súas primeiras incursións públicas no mundo da arte, quizais influenciada polas súas tías Florinda e Ubalda, quen tamén pintaban. Recibiu clases de pintura en Pontevedra, onde en 1910 realizou dous cadros para agasallarlle pola súa voda á súa amiga Leopoldina García Solís. Leopoldina, veciña de Pontevedra, tamén era actriz afeccionada e desde 1904 actuaba como presidenta honoraria na cidade da Tuna Académica Compostelana. O 28 de abril casou con José Palmés, concelleiro e administrador de Aguas de Lérez.

Nese mesmo ano de 1910, Concha participou na decoración das cintas dun concurso ciclista. A banda que presentou, primorosamente executada, era de seda rosa pintada ao óleo representando un ramo de margaridas brancas. A totalidade destes traballos, máis de cincuenta, estiveron expostos nos escaparates dos comercios de Pérez Crespo e Pedrosa, no de fillos de Olmedo e no de Mariano Lozano. A carreira, organizada polo semanario Progreso a beneficio da Casa-Hospicio, celebrouse ás cinco da tarde do 28 de agosto na Alameda. Previamente, a organización, a través dunha carta, comunicárase coas “señoritas” da capital solicitándolle cintas bordadas e pintadas para a carreira. Trala carreira, o secretario da xunta superior da Casa-Hospicio, Álvaro Berasátegui, recibiu unha doazón de 140,85 pesetas.

Como Concha, que tamén estivo na presidencia do acto, foron moitas as mozas pontevedresas que responderon á chamada do Progreso e participaron na decoración de cintas “artisticamente pintadas”, entre as que destacaron Carmen Acevedo, Álvarez Giménez, María Álvarez Limeses, Carmen Becerra, Julia Becerra Armesto, Gloria Carrasco, Peregrina Castilla, Nisa Fernández Gastañaduy, María Teresa G. Besada, Avelina González Pintos, Clara Isla, Pilar e Margot Lozano, Rosa Mariño, Concha Martínez, Emilia Saenz, Lola Sampedro, Hortensia Sánchez Cantón, María Sanmartín, María Señoráns ou María e Paz Villar Cagide.

Na súa etapa americana, Concha estudou co artista August Herman Olson Rolle, natural de Minnesota, quen a agasallou con varias acuarelas e óleos. Porén, a súa produción artística reduciuse ao ámbito familiar, non habendo constancia de exposicións públicas. O feito de casar puido quebrar a súa carreira artística, obtendo a información da súa creación a través das obras conservadas pola familia. Así, cultivou o retrato, a paisaxe e temática das flores. Por outra banda, e grazas a fontes orais, sabemos que Concha estudou música en Pontevedra e tocaba a guitarra, carreira que tamén relegou á intimidade do seu fogar.

En 1922, Concha casou con John Knox Smyth, secretario militar do exército norteamericano, a quen coñecera en Madrid. A voda, por poder, realizouse o 12 de outubro. Aos poucos días, e na compaña da nai Avellaneda do colexio dos Praceres, embarcou en Vigo no transatlántico “Reina María Cristina” dirección Washington para reunirse co seu home, vivindo durante un tempo en 1213 K Street Northwest. Un ano despois, o 12 de agosto, día da Peregrina, naceu en San Francisco o seu fillo Ernesto Alejandro.

John Knox Smyth era un avogado irlandés, nado o 2 de xullo de 1878 en Belfast. De Irlanda, onde tiña muller e dous fillos, marchara para Canadá, pasando tamén por Quebec, Montreal, Toronto, Vancouber, Estados Unidos e California. Entre 1914 e 1915 aparece traballando como secretario do Banco da Reserva Federal en San Francisco.

En 1917 viaxou a Europa, chegando o 17 de maio a París como secretario do xeneral John Joseph Pershing. Posteriormente, nunha estancia en Madrid en 1921, coñeceu a Concha nun autobús. John convidouna a tomar un café, pero ela non podía aceptar, polo que lle insistiu en que tiña que ser así ou xa non poderían verse. E enténdese que aceptou, pois un ano despois casaban. Así, a súa vida como pintora viuse interrompida polas sucesivas viaxes que realizou. Igual que a música, relegando a guitarra que tanto lle gustaba tocar para festas familiares.

Seguindo o destino do seu home, Concha estableceuse coa súa familia en América do Sur, primeiro en Balboa (Panamá) e logo en Santiago de Chile. En 1929, por mor dunha doenza que padecía John, trasladáronse a España por ter mellor clima. Aquí residiron en Vigo, onde exerceu de vicecónsul, e posteriormente en Bilbao, Valencia e Málaga. Foi nesta cidade na que faleceu dunha nefrite o 13 de maio de 1931, sendo enterrado no Cemiterio Inglés de Málaga.

En 1936, Concha decidiu pasar o verán en Irlanda co seu fillo, facendo escala en Santander, onde vivía o seu irmán Ernesto, químico propietario dunha fábrica de betume. Aos dous días de chegar, estalou a guerra, polo que tiveron que quedar alí ata final de ano, pasando polo racionamento e varias detencións. Finalmente, e grazas á nacionalidade do fillo, logrou embarcar nun destrutor inglés, o H-68 Foresight. Como non podían levar diñeiro, o seu irmán preparoulle unha lata con dobre fondo cuns billetes. E a lata pasou. Pero como viron que ela levaba dous aneis, o de pedida e a alianza, dixéronlle que eran moitos e requisáronlle a alianza. Finalmente, a travesía foi moi rápida e nunhas horas chegaron a Saint-Jean-de-Luz e de aí, por Pamplona, puido regresar a Pontevedra.

Desde nova, a Concha gustáballe moito viaxar, e hai numerosas referencias das súas estancias en Madrid ou na Coruña, así como en América do Norte despois de casar. Por iso, e para que o seu fillo coñecese a terra en que naceu, en 1940 solicitou unha autorización de pase de fronteira e embarcaron no “Marqués de Comillas” destino a La Habana, onde permaneceron catro días. Nai e fillo continuaron viaxe a Nova York, California, New Orleans, Los Ángeles e Oakland.

En Oakland estiveron uns días na casa do seu cuñado, John Louis, medio irmá do home. De alí marcharon a vivir á casa dunha señora alemá, Virs. Viinhart, pois quedáballe moito máis preto da escola á que ía mandar o fillo. Estiveron nesta cidade californiana ata rematar o curso, entre agosto de 1940 e xaneiro de 1941, pois o ensino era público e gratuíto. Ademais, tivo a sorte de que o director da Escola estaba casado cunha muller natural de Santander, polo que estableceron amizade, servíndolle para que con só un curso de escolaridade lle deran ao seu fillo un diploma acreditativo dos estudos, título que despois lle foi moi útil en España.

Cando regresaron de California, volveron polo norte transbordando en Chicago. A viaxe realizárona en xaneiro, polo que durante case todo o percorrido tiveron máis dun metro de neve. Traían tanta equipaxe que dúas das caixas quedaron no corredor do vagón. Pero á metade do percorrido, á altura de Thorngreen, decatáronse de que as caixas desapareceran. Ao preguntarlle ao revisor, confirmoulle que as baixaron porque non sabían de quen eran. Como aínda estaban na estación, nai e fillo apeáronse á présa para rescatalas. E iso que eran pesadas, pois nunha levaban unha máquina de escribir Underwood nº 5 e varios libros.

Establecida co fillo en Pontevedra, quen en 1947 inaugurou unha clínica dental, Concha seguiu viaxando, sendo frecuentes as súas estancias en Madrid. De feito, os seus netos lembran como adoitaba pasar o inverno na capital madrileña e volvía ao Lérez en verán.

Nos anos 70 ingresou nunha residencia en Vigo e falece o 10 de xuño de 1983. Os seus restos repousan no cemiterio municipal de San Amaro.

Autoría: Etnoga

Biografías Relacionadas