Pontevedra, ca. 1908
  • Biografía
  • Audios
  • Videos

Nunha entrevista que lle realizan en 1949 no diario La Noche, Avelina Viñas Calvo afirmaba que nacera pintando. Formouse na Sociedade Económica e a súa vocación manifestárase de forma absorbente cando só tiña cinco anos de idade.

Avelina era filla de Aurita Calvo Rodríguez e de José Viñas del Monte, propietario do Hotel Progreso, quen chegou a ser presidente da Deputación de Pontevedra. Ademais, tiña dous irmáns, Francisco e Cándido, coñecido como o poeta do Lérez.

No ano 1924 casou na capela da Peregrina co industrial Alejandro Díaz Pedras, con quen pasou longas temporadas en Sevilla. De feito, foi nesta cidade andaluza na que completou a súa formación como artista, facendo tamén varias exposicións, como na de Belas Artes de Sevilla organizada polo Ateneo.

Aínda que tiña predilección pola pintura, adoitaba pintar na intimidade do fogar para o seu propio goce e o da súa familia. Ata que en outubro 1935 expón por primeira vez en Pontevedra, no escaparate da xastrería “El Globo”. Presentou unha obra chamada “Un rincón de mi estudio”, dándose así a coñecer entre a poboación do Lérez, quen eloxiou o seu traballo e reclamou ser merecedora dunha exposición individual. A loanza tamén veu da man do seu irmán Cándido, quen lle dedicou un poema na revista Vida Gallega. Titulado “Lluvia en tarde de otoño”, a dedicatoria dicía así: Para mi hermana Avelina, que en el silencio de su sincera modestia, es una feliz interpretadora del «Arte Pictórico».

Avelina foi unha das poucas mulleres que participou en 1936 no primeiro Salón de Primavera, exposición de arte provincial, realizado na Sociedade Recreo de Artesáns e organizado por Radio Pontevedra. E fíxoo da man doutros artistas masculinos como Ignacio Senra ou Sixto Vizcaíno.

Da década dos 40 é da etapa que máis información se atopa referente ás súas mostras galegas. Así, o 15 de agosto de 1942 inaugurou unha exposición individual composta por varios óleos no local da Coral Polifónica, na rúa da Oliva. Aos dous anos participou na X Exposición de Arte do Círculo Mercantil con outras artistas como Ana María Otero, Milagros Señoráns e María Enma García Lastra. Despois do éxito que acadou aquí, a artista recibiu unha homenaxe nun restaurante de Pontevedra. En 1945 participou na V Exposición de Arte organizada pola obra sindical de Educación e Descanso, sendo unha das poucas mulleres con obras nesa mostra. No 48 participou nunha exposición colectiva organizada pola revista Sonata Gallega na Sala Urquín, e ao ano seguinte, o diario La Noche publicou unha entrevista con motivo dunha nova mostra nesta sala.

Ademais, a mediados dos anos 40, Avelina tivo unha escola de arte no número 31 da rúa da Peregrina. Nela impartía debuxo artístico, historia da arte, cor e labores, incluíndo bordado á man e á máquina.

A nivel social, a prensa destacan o seu lado humano e caritativo, ao organizar en 1946 unha subscrición para mercarlle un coche a un inválido que pedía esmola na estrada de Ourense., e o benfeitor, facendo en 1947 unha doazón para o Pontevedra C. F.

Autoría: Etnoga

Biografías Relacionadas
Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email