Pilar Bértola

Na Moureira, no Campo do Boi, en Pontevedra, naceu en 1920. De nena, emigrou coa familia a Barcelona, onde o pai atopou traballo como empregado no servizo de tranvías.

Nas veladas literarias do Centro Galego figura como recitadora de poemas da literatura galega e actuou no festival do Día de Galicia, o 25 de xullo de 1933, con grande éxito, segundo consta na publicación do xornal vigués El Pueblo Gallego, que recolle a noticia cunha foto dela vestida co traxe galego.

As súas dotes artísticas foron recoñecidas e celebradas o 24 de xullo de 1934 pola Casa de Galicia en Cataluña. En agosto veu a Pontevedra e durante as festas da Peregrina recitou en Radio Pontevedra poemas de Rosalía, Cabanillas, Álvarez Limeses etc. O día 18 actuou no Teatro Principal e o 24 regresou a Barcelona en tren. O 7 de setembro morreu de tifo, probablemente contraído por beber auga nas fontes durante a viaxe.

O 8 de marzo de 1936 a Casa de Galicia de Cataluña organizou unha homenaxe a Pilar Bértola en Pontevedra. A corporación municipal foi andando desde o Concello ata a súa casa natal onde, despois dos discursos do Alcalde e do Presidente da Casa de Galicia, se colocou unha placa de bronce, nun acto multitudinario.

Autora: Mª Xesús López Escudeiro.

Biografía de Pilar Bértola

Descargar

Biografías Relacionadas