Teis, 02/02/1896 - Pontevedra, 08/05/1974
  • Biografía
  • Audios
  • Videos

Pilar Purificación Isolina Pardo Trapote naceu en Teis ás dez da noite do 2 de febreiro de 1896. Foi a pequena de seis irmáns, levándose catro con María, coa que compartiu moitas andanzas. Seguindo os pasos da mesma e a educación familiar, é probable que se formara na Económica.

Entre 1908 e 1909 estudou por libre no Conservatorio de Madrid, onde acadou os tres primeiros anos de solfexo e de piano. Acudiu a examinarse na compaña da súa profesora, Manuela Seoane Doval, e doutras compañeiras pontevedresas: María Pérez, Carmen López, María Vázquez e Julia González Mendoza.

Nos cinco cursos seguintes completou de xeito oficial os seus estudos de piano, superando en 1915 oitavo, cun sobresaliente. Ademais, ese mesmo ano realizou os estudos de acompañamento de piano e en 1912 fixera os de harmonía.

Nas súas continúas viaxes a Madrid, sempre adoitaba acudir coa súa nai Isolina e coa súa irmá María, quen tamén estudaba no Conservatorio. A súa relación con María levaríaa a que actuaran xuntas en sesións familiares e mesmo a pasar temporadas no balneario de San Xusto, en San Xurxo de Sacos.

O día 27 de abril de 1922, Pilar casou na igrexa de San Bartolomeu con Adrián Martín Quintana. Froito deste matrimonio tivo tres fillos e unha filla: Lino, Adrián, Néstor e Ana Martín Pardo. Polo destino do home, funcionario xudicial, Pilar residiu en Valladolid ata 1936. Un ano antes falecera o seu home por causa dunha doenza.

No verán de 1936, Pilar viaxara a Pontevedra para pasar o verán coa súa familia e visitar a nai. Pero co estalido da guerra, xa non volveu a Valladolid. Aínda de loito polo seu home, no mes de setembro morreulle con só sete anos de idade o seu fillo “Adriancito”. Pero ela loitará para sacar adiante os seus descendentes, a quen nunca lles faltou unha boa educación pois, como ben lembra unha das súas netas, ela precisou dos seus estudos para poder comer.

Pilar dedicouse a dar clases particulares de solfexo e piano na súa casa, primeiro na rúa Don Filiberto e despois na coñecida “Villa Pilar”, sendo mestra de moitas xeracións pontevedresas. Alumnas súas foron Conchita Silva Conde, Carmela Puig, Pilar Cabezudo, Elena Corvillón ou María Arjona Alonso; aínda que as súas grandes discípulas, das que sempre falaba, eran “Carmucha” Portela Paz e “Pilarita” Pintos Poncet. A primeira gañou en 1948 o premio nacional de piano organizado pola sección feminina, mentres que a segunda recibiu en 1949 o premio extraordinario “María del Carmen” do Conservatorio de Música de Madrid. No referente ao seu alumnado, destacou sobre todo o seu propio fillo, Néstor, quen chegou a ser finalista do premio Sarasate de violín e catedrático deste instrumento en Ourense.

Ademais de ser moi boa mestra, demostrable a través dos resultados obtidos polas súas alumnas, unha delas, Pilarita, lembra que tamén era moi adiantada. Así, para practicar e que foran perdendo o medo escénico, organizaba pequenos concertos públicos na súa casa aos que podían asistir as familias e amizades das estudantes. Ademais, cando facían algo ben, sempre as premiaba e dáballes a escoller unha estampa dun montón que tiña co nome do premio no reverso, por exemplo ¡A la mejor aplicación!

En 1945, o seu fillo Néstor recibiu unha bolsa para cursos estudos no Conservatorio Nacional de Madrid. Pilar irá con el, polo que, nun primeiro momento, as súas alumnas seguiron formándose con Pilarita Pintos, a quen deixou encargada das súas clases.

Aínda que desde os anos 40 Pilar xa vivía en “Villa Pilar”, foi a mediados dos anos 50 cando herdou a propiedade do seu tío Ramiro Trapote, enxeñeiro emigrado en New York. A gran casa familiar, situada nun lateral da Alameda, fora construída polo seu tío avó Manuel Martínez Bautista, emigrante en La Habana e Broadway, e proxectada por Ramiro, rematándose cara a 1906.

Pilar faleceu na mansión que rebautizou co seu nome o 8 de maio de 1974 aos 78 anos de idade, sendo soterrada no panteón familiar do cemiterio de San Amaro. A casa legoulla á súa filla e fillos.

Autoría: Etnoga

Biografías Relacionadas
Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email