Matilde Chaves González

Seguindo a estirpe das González Pérez, Matilde é unha grande estudante que adquire o grao de mestra superior en 1907. Un ano despois, a súa nai Isolita cesa como escribente da Normal de Pontevedra sendo nomeada ela e cobrando un soldo a cargo da Deputación de 750 pesetas ao ano. Cesa no posto tras dous anos, para regresar novamente no curso 1913/14. Durante este ano, o xornal republicano La Libertad ponse en contacto coa secretaría da Escola de Maxisterio. Así, Matilde envía información sobre o alumnado inscrito e o mal estado en que se encontra o pazo García Flórez, edificio que alberga a Normal de mestras. En 1914 están matriculadas un total de cento sesenta alumnas, sen espazo suficiente para impartirlles clase a todas. Este mesmo problema xa estaba patente en 1901, cando a súa avoa Avelina Pérez Vázquez, como directora do centro, recibe un escrito no que lle solicitan unha habitación da vivenda para dedicala a aula.

Tras o novo plan educativo de 1914, durante o curso 1916/17, a súa nai Isolita González Pérez traballa na Escola Normal como persoal especial, sendo a mestra de música, a súa avoa aparece como numeraria e Matilde está como escribente e mestra interina da sección de letras. En 1925 ascende a Oficial de Administración na Normal de Pontevedra, onde ata o momento exerceu como auxiliar de secretaría.

A Matilde artista, aínda que se dedicou máis ao canto, como o resto da familia tamén aprendera a tocar o piano e en 1912 participa nun concerto no Liceo Casino xunto ás súas tías Alicia e Fidela. Como o resto da estirpe, formou parte do Círculo Antoniano, cantando con eles en diversas ocasións e participando no seu coro durante misas, como a organizada en San Francisco na festa do seu patrón en 1924.

Ela e a súa irmá Luísa foron sopranos na Coral Polifónica de Pontevedra baixo a presidencia de Antón Losada Diéguez e a dirección de Blanco Porto. O acto de presentación do novo grupo musical, con decorados de Castelao, realízase no Teatro Principal o 23 de marzo de 1926, resultando un grande éxito.

Autoría: Etnoga

Biografía de Matilde Chaves González

Descargar

Biografías Relacionadas