María Digna González Pérez

Digna consegue o título de mestra superior en agosto de 1892, e dous anos despois é nomeada rexente da Normal de Pontevedra. Neste mesmo ano publican en La Revista Popular da Boa Vila as Impresións Íntimas dedicadas á súa persoa, onde aparece destacada como artista e a súa virtude como pianista.

Na obra De mi viejo carnet de Prudencio Landín, o autor fai mención á vida social en Pontevedra e ao protocolo durante as actuacións de piano no Teatro Principal. Así, refírese a un concerto ofrecido por varias pianistas da cidade: Matilde Buhígas, Carmen Urrabieta, Balbanera Pérez, María Digna e a súa irmá Isolita. Nesta ocasión, as mulleres foron acompañadas ao seu asento do brazo de mozos galáns e apostos como mandaba o ritual.

En abril de 1895, María Digna casa con Fausto Rubín y Puig en Pontevedra, coa súa nai como madriña do enlace. A mestra e pianista marcha a vivir a Santiago, cidade natal do marido, onde está rematando a carreira de dereito. Fausto Rubín, como Xefe de Negociado e Secretario, foi trasladado polo Goberno Civil por todo o Estado, acompañado habitualmente pola familia. Estivo en Cáceres, Burgos, Tarragona, Ourense e en varias ocasións destinado na Coruña. Nesta última cidade falece a nai, Avelina Pérez, mentres a familia estaba en espera dunha nova mudanza.

A filla, Gabriela Rubín González, casa co seu primo, o músico Pablo Chaves González, fillo de Isolita González Pérez e Manuel Chaves Rodríguez, en maio de 1921. Doce anos despois, o fillo de Digna farao en León, con Carmiña Martín.

Autoría: Etnoga

Biografía de María Digna González Pérez

Descargar

Biografías Relacionadas