Luísa Chaves González

En 1909, Luísa gradúase como mestra superior na Normal de Pontevedra. A filla de Isolita González Pérez e de Manuel Chaves Rodríguez tamén acode ás aulas que se imparten na Sociedade Económica de Amigos de Pontevedra, onde ten o artista Benigno López Sanmartín como mestre de debuxo, coas súas fillas María e Luz de auxiliares. En 1913, a polifacética mestra participa nunha exposición organizada pola escola, onde expón unha das súas obras pictóricas. Catro anos despois, aparece como mestra na Normal de Burgos.

Ela e a súa irmá Matilde son sopranos na Coral Polifónica de Pontevedra baixo a presidencia de Antón Losada Diéguez e a dirección de Blanco Porto. O acto de presentación do novo grupo musical, con decorados de Castelao, realízase no Teatro Principal o 23 de marzo de 1926. A prensa local e galega faise eco do inicio triunfante do innovador grupo. En maio de 1930, tras o falecemento do seu presidente, a Coral dá un concerto na Coruña. Ao finalizar o acto, un grupo do que Luísa forma parte, vai honrar a súa memoria, levándolle flores á tumba no cemiterio coruñés de Santo Amaro.

Autoría: Etnoga

Biografía de Luísa Chaves González

Descargar

Biografías Relacionadas