Alicia González Pérez

Alicia é unha das fillas máis novas de Avelina Pérez Vázquez e Benito González Font. En 1902, xunto á súa irmá Fidela foi seleccionada para asistir á festa académica organizada con motivo da coroación de El Rei. Ambas as dúas acompañan a directora da Normal e as mestras Felisa Saz e Dolores Autrán a Madrid.

As dúas irmás participan da vida burguesa do Liceo Casino. En 1912, un pequeno grupo de excursionistas de Cangas, Aldán e O Hío é recibido en Pontevedra pola entidade. Realízanse varias actuacións, e entre elas están as de Fidela e Alicia que dan un concerto ao piano coa súa sobriña Matilde. Catro anos despois, organízase unha función benéfica no Teatro Principal pola Xunta da Protección da Infancia. Neste caso, Alicia actúa co seu sobriño Pablo Chaves, formando parte do gran coro da obra Maruxa do mestre Vives. Non queda só aquí a participación da familia neste evento, senón que a orquestra de trinta mestres, encargada de varias actuacións durante o programa, era dirixida polo seu irmán Cástor. Para completar a celebración benéfica, proxéctase a película Miss Ledya de López de Haro, estreada ese mesmo ano.

En 1920, a protagonista casa en Pontevedra con Antonio Crespí, funcionario do catastro, con quen ten tres fillos: Antonio, Luís e María Alicia. A súa filla, científica destacada no ámbito da arquitectura, deixará unha fortuna de case catro millóns de euros a diferentes entidades da cidade pontevedresa (ver biografía de María Alicia Crespí González).

Autoría: Etnoga

Biografía de Alicia González Pérez

Descargar

Biografías Relacionadas