Pontevedra ca. 1913 - Santiago de Compostela, 15/04/1955
  • Biografía
  • Audios
  • Videos

Con só cinco anos, África ocupou novas de prensa de tirada nacional por ser unha violinista precoz. En 1920, o compositor e musicólogo leonés dedicoulle unha páxina en “Mi Revista. Enciclopedia popular ilustrada”.

Os seus primeiros estudos realizounos por libre no Conservatorio de Madrid, acadando en 1921 os tres primeiros cursos de solfexo e cinco de violín. Un ano antes, en 1920, a Deputación de Pontevedra concedeulle unha bolsa para formarse neste centro madrileño, no que rematou as ensinanzas oficiais de violín en 1924. Ademais, no curso seguinte cursou primeiro de harmonía e matriculouse en estética e música de salón.

Cara a 1939, África debeu establecerse en Santiago de Compostela, onde seguía vivindo en 1950. Nesta época, e segundo o censo municipal, residía coa súa nai Generosa e a súa irmá María no número 2, 3º da Costa Vella. Ademais, vivían na casa dous netos de Generosa que debían ser fillos dela. Trátase de María M. López Fernández, nacida en Madrid o 17 de decembro de 1936, estudante; e Luís José M. López Fernández, nado en Santiago de Compostela o 11 de outubro de 1944.

En 1946 inscribiuse como parada na oficina de “encadramento e colocación” de Santiago de Compostela. De feito, nunha columna que lle dedica o xornalista Borobó ao ano seguinte en “La Noche” di que a virtuosa fada do violín deixou a tarima na que actuaba cunha orquestra nun veterano café compostelán para pan pedir e mendigar de porta en porta e poder soster os seus. Por iso, e co afán de conseguir cartos, participou nun concurso musical radiofónico en Radio Galicia, que foi onde a escoitou Borobó e lembrouse dela e dunha entrevista que lle quixo facer e nunca foi quen de realizar.

No censo municipal, á marxe do nome da súa irmá, María López Fernández, hai unha nota que pon que faleceu en Santiago o 15 de abril de 1955. Porén, tendo a certeza de que María non morreu nesa data, senón en 1963 por causa dun atropelo, e que no censo de 1955 só nomean a María e aos seus sobriños, podemos supoñer que a falecida en abril do 55 foi África.

Autoría: Etnoga

Biografías Relacionadas
Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email