• Biografia
  • Audios
  • Videos

María (1883-1971) e Concepción (1885-1971) Mendoza Babiano Méndez-Núñez, coñecidas como as Irmás Mendoza, fillas da debuxante, pintora e música Carmen Babiano e sobriñas netas do almirante Méndez Núñez, coñeceron desde os primeiros anos o ambiente intelectual das reunións celebradas no palacete familiar, ao que se achegaban as personalidades máis importantes da sociedade da época con motivo dos faladoiros e das sesións musicais organizadas pola nai.

Mulleres modernas, recibiron do seu pai a afección ao deporte, xogaban ao tenis e montaban a cabalo.

Tiveron unha educación artística moi completa e dominaron varios idiomas. Herdaron da nai o gusto pola pintura e a música. Despois do falecemento da nai en 1938, seguiron cos concertos e as xuntanzas e a residencia continuou a ser un centro cultural e de referencia para a cidade.

María estivo casada con Fernando Casado Andriani. A parella trasladouse a Valladolid, onde el traballaba, mais despois da súa morte en 1916, ela regresou á vivenda natal.

Os seus coñecementos lingüísticos permitíronlles dar clases particulares de idiomas. Concepción impartiu aulas de lingua inglesa no Instituto de Pontevedra. Contactaron cos membros das flotas inglesas e alemás que facían escala nos portos da provincia e actuaban de guías e introdutoras na sociedade pontevedresa, figurando o seu nome nos libros de viaxe.

En setembro de 1946 fixeron doazón ao Museo de Pontevedra dunha importante colección do almirante con motivo da inauguración das salas que a entidade dedicaba ao seu antecesor. Posteriormente María foi nomeada vogal da xunta directiva. Cederon igualmente parte do legado de Méndez Núñez a diferentes institucións galegas e estatais.

De carácter irreverente e divertido, eran consideradas como excéntricas pola sociedade da época.

Autora: Mª Xesús López Escudeiro.

Descarga // irmás mendoza