Pontevedra, 19/02/1931
  • Biografía
  • Audios
  • Videos

Filla, neta e bisneta de mulleres pianistas, María del Pilar del Milagro Carmen Josefa Pintos Poncet naceu na pontevedresa rúa Michelena o 19 de febreiro de 1931. Con só sete anos comezou a estudar solfexo coa profesora Pilar Pardo Trapote, primeiro nun piso da rúa Don Filiberto e logo na coñecida “Villa Pilar”; e aos trece gañou un premio de Radio Pontevedra facendo unha actuación en antena, ademais de recibir un diploma en pergameo pintado polo debuxante Ramón Peña Gil.

“Pilarita” recorda que a súa mestra, Pilar Trapote, era moi boa, tanto a nivel persoal como profesional. Cando esta tivo que marchar para Madrid co seu fillo, Pilarita quedou uns meses encargada das súas clases e alumnas. Posteriormente, trasladouse a Vigo para estudar con Mónico G. de la Parra, director da banda municipal, onde reside na casa dunhas tías.

“Pintiños”, como tamén a chamaban, continuou a carreira de piano no Real Conservatorio de Música e Declamación de Madrid. Nas súas estancias na capital madrileña adoitaba quedar nunha pensión na compaña dunha tía, irmá da nai. E lembra moi ben como eran aquelas eternas viaxes en tren, incluso a da vez que lle levou 29 horas chegar de Pontevedra a Madrid.

En Madrid, Pilarita tivo moi boa relación coa pianista pontevedresa Teresa Alonso Parada. De feito, foi esta quen lle buscou un profesor de piano, recomendándolle o catedrático de música de cámara Tomás Andrade de Silva.

No ano 1949 Pilar rematou a carreira, obtendo o premio extraordinario “María del Carmen”, escollida entre os cinco finalistas que foran premio fin de carreira. Entre eles atopábase o afamado músico leonés Odón Alonso Ordás. Pero Pilar era máis boa ca el.

O seu primeiro concerto impartiuno no Instituto Ramiro de Maeztu, en Madrid. Cando regresou a Galiza, tocou coa Filharmónica e mesmo interpretou no colexio da ONCE. Eran concertos moi longos, en tres partes, polo que había que ter un gran repertorio. A súa pretensión era a de continuar os seus estudos en Alemaña, pero o 11 de decembro de 1950, casou na Igrexa de San Bartolomeu con Juan Aguiló de Cáceres, un enxeñeiro agrónomo natural de Mallorca a quen coñecera en Madrid. A partir deste momento, Pilar abandonou a súa carreira, residindo tres anos en Madrid e regresando despois para Pontevedra.

Na vila do Lérez, Pilar dedicouse á casa e a acompañar o seu home, quen viaxaba moito debido ao seu traballo. Estaba destacado en Galiza da Estación Fitopatolóxica de Vitoria, polo que visitaba todas as provincias para facer controis nos campos de experiencias das estacións agrícolas.

Tralo falecemento do seu pai, o fotógrafo Joaquín Pintos Amado, Pilar fíxose cargo do estudo fotográfico situado no número 36 da rúa Michelena. A súa paixón era o piano, pero non quería que o traballo e o esforzo realizado polo seu proxenitor quedara no esquecemento. Pilar, con carné de fotógrafa profesional, dedicouse a facer fotografía de estudo, revelados, ampliacións… e mesmo “copias” de documentos, pois hoxe en día hai fotocopiadoras, pero daquela toda copia era unha foto. Aínda que herdou o estudo ao morrer o pai, Pilar naceu entre fotografías, e desde rapaza coñecía ese mundo moi de cerca e axudaba no estudo. Tanto é así, que en 1985 foi unha das empresas homenaxeadas pola Confederación Provincial de Empresarios de Pontevedra por superar os cincuenta anos de actividade ininterrompida desde 1899. Finalmente, en 1989, despois de que roubasen na tenda ata catro veces no mesmo ano e co home xubilado, decidiu pechar e doar todo o arquivo ao Museo de Pontevedra.

A nivel social, desde 1995 e ata 2010, exerceu como secretaria da AA. VV. San Roque, recibindo en 2007 a medalla dos Premios Amigos de Pontevedra como pontevedresa distinguida.

Pilar Pintos Poncet é a cuarta Pilar da súa familia que tocou o piano. A súa nai, María del Pilar Poncet Sánchez, tamén tocaba. Igual que a súa avoa, Pilar Sánchez Rivera, natural de Santiago, quen aprendera no Colexio da Ensinanza. E, por último, a súa bisavoa, Pilar Rivera Botana. Así, lembra como sendo rapaza, con 8 ou 9 anos de idade, xuntábanse na súa casa varias amizades da familia a “facer música”. Tocaban, cantaban… e ao final sempre dicían o mesmo: agora que toque a nena! E tamén recorda como cando vivía na rúa Michelena e ensaiaba na casa, saían as veciñas á fiestra, as de Riestra, e lle pedían outra peza.

A súa carreira musical, na que tamén houbo sitio para cantar como soprano, quedou truncada pola dedicación á familia. Por iso sempre lle dicía ao seu home que nacera antes de tempo, pois se nacera uns anos despois, o que tería que ter feito era seguir coa súa carreira como pianista e el sería o seu representante. Porén, a música séguea acompañando, agora a carón dun piano vertical, como na súa infancia, aínda que chegou a ter un Cussó francés e un colín Steinway.

Autoría: Etnoga

Biografías Relacionadas
Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram
Share on email