Concepción Arenal

“Abride escolas e han pechar os cárceres”

Esta é a oración que se pode ler ao pasar pola praza de Concepción Arenal de Pontevedra, unha proclama que resume as inquedanzas e personalidade de Concepción Arenal, pensadora humanista e feminista que durante uns meses, entre 1889 e 1890, residiu na cidade de Pontevedra.

Concepción Arenal Ponte naceu en Ferrol o 31 de xaneiro de 1820. Sendo nena a familia trasládase a Santander, onde accede a unha gran biblioteca na que alimentará o seu interese pola lectura e consolida os piares da súa cultura e formación, fundamentalmente acadadas de forma autodidacta. Sendo moza marcha para Madrid, onde asiste a aulas da carreira de Dereito. É probable que Concepción fose disfrazada de home a estas aulas, pois nesa altura as mulleres non podían acceder aos estudos superiores en España. Nestes anos universitarios coñeceu o avogado e escritor Fernando García Carrasco, que se converterá no seu marido en 1848. Con 37 anos queda viúva e en pouco tempo falece tamén de forma prematura un dos seus fillos.

Traballou de funcionaria de prisións e exerceu un activismo convencido e razoado na defensa dos dereitos das mulleres, das persoas presas e das desfavorecidas. No ano 1863 foi nomeada “visitadora de prisións de mulleres”.

Ademais do seu labor profesional, Concepción foi autora dunha ampla bibliografía. Unha pequena parte desta prolífica obra prodúcea en Pontevedra, cidade na que residiu uns meses entre os anos 1889 e 1890. A residencia familiar localizaríase no número 27 da rúa da Oliva, onde hoxe se pode contemplar unha placa que lembra os momentos de creación que a cidade lle inspirou: […] Concepción Arenal viviu e escribiu nesta casa a súa obra preeminente El visitador del preso en los años 1889 e 1890. Nesta vivenda reúne tamén diferentes personalidades nun faladoiro conformado por personalidades como o matrimonio formado por José Riestra e María Calderón Ozores; a familia Méndez Núñez; José Domínguez, axudante de Obras Públicas; os avogados Casto Sampedro e Augusto González Besada; os poetas Renato Ulloa e Heliodoro Fernández Castañaduy, entre outras.

De Pontevedra trasladouse a Vigo, onde faleceu o día 4 de febreiro de 1893.

Este texto é un resumo da biografía completa que se pode ler no PDF descargable.

Autoría: MAOS Innovación Social

Biografías Relacionadas